24 de setembro de 2008

Mobilización da CIG en Ourense contra a reconversión do BBVA

Cunha nova mobilización en Ourense, a CIG continúa a dar resposta ao “Plan de Innovación e Transformación” posto en marcha por esta Entidade. Durante a mesma fíxose un chamamento a fortalecer o sindicato fronte a crise do sistema financeiro. Case un cento de delegados e delegadas da Federación de Banca participaron nunha nova concentración contra o proceso de reconversión do BBVA, desta volta na cidade de Ourense. En plena crise do sistema financeiro americano e británico, o BBVA segue adiante coa súa aposta estratéxica polo "Plan de Innovación e Transformación", un proceso de reconversión puro e duro, importando o modelo organizativo da banca anglosaxoa.
Destrución do emprego en Galiza
No que vai de ano o cadro de persoal do BBVA reduciuse en 1.200 persoas, estando previsto que, ao final do proceso, se destrúan 8.000 empregos a nivel estatal dos que 400 serán en Galiza. O proceso de precarización do emprego continúa coa destrución do emprego fixo na Entidade e a subcontratación do traballo a través de empresas de servizos situadas en Málaga (subvencionadas pola "Junta de Andalucía") e na cidade sudamericana de Lima en Perú.
Mobilización da CIG fronte a reconversión
Fronte a esta reconversión a CIG vén realizando distintas concentracións por todo o país, asembleas de traballadores/as, así como denuncias na Inspección e ante a Administración laboral galega.
A concentración de Ourense tivo lugar diante da Oficina Principal do BBVA na rúa do Paseo, xusto no centro desta cidade e posteriormente, tivo lugar unha asemblea informativa no interior da sucursal.
Nesta asemblea explicóuselle ao persoal a situación actual da empresa, así como os pasos dados pola CIG.
Intervención do Secretario Nacional
Durante a súa intervención o Secretario da Federación da Banca, fixo un chamamento aos traballadores e traballadoras de Bancos e Caixas para que participen activamente nos actos convocados polo sindicato, e destacou que "fronte a esta situación de crise que está a sacudir o sistema financeiro é preciso fortalecer o sindicato, que as Direccións das empresas e as Administracións públicas teñan claro que os traballadores e as traballadoras do sector estamos dispostos a defender os nosos postos de traballo e as condicións laborais".
A mobilización na prensa: La Región.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]






Ningún comentario: