Estase a cargar, agarde un momento por favor!

29 de setembro de 2008

Crise financeira: A todos os traballadores e traballadoras de Bancos e Caixas

Ao longo deste ano, a crise financeira internacional ten estoupado con graves consecuencias para a economía mundial. Máis alá da intervención e nacionalización das Entidades financeiras en EEUU, Inglaterra, Bélxica ou Alemaña, o certo é que é o persoal das Entidades afectadas neses países, quen paga a mala xestión empresarial e a complicidade das autoridades monetarias e políticas, que tiñan a obriga de controlar e supervisar os mercados financeiros. A especulación converteuse en norma de comportamento, con graves consecuencias.

Os anuncios sobre a fortaleza do sistema financeiro do Estado español, contrastan coas sucesivas declaracións, tanto de políticos como de responsables das Entidades, que non son precisamente esperanzadoras.

A modo de exemplo, este mes escoitamos ao mesmísimo Ministro de Economía, Pedro Solbes, declarando “Si fuera banquero mis previsiones serían más pesimistas”, ou ao Presidente da “CECA”, Juan Ramón Quintas, declarando que “la actual crisis es peor que la del 29”; estas declaracións semellan avisos a navegantes preparando o terreo.

Sen querer ser alarmistas o certo é que estamos nun momento difícil e, a día de hoxe, ninguén é capaz de predicir ata que punto chegarán as consecuencias da actual crise financeira internacional.

Neste senso dende a Confederación Intersindical Galega queremos facer un chamamento a todas as traballadoras e traballadores de Bancos e Caixas:

Fronte a esta situación de crise que está a sacudir o sistema financeiro é preciso fortalecer o sindicato, que as Direccións das empresas e as Administracións públicas teñan claro que os traballadores e as traballadoras do sector estamos unidos e dispostos a defender os nosos postos de traballo e as nosas condicións laborais.

Durante anos as Entidades Financeiras emprenderon unha carreira por incrementar os beneficios ano a ano dun xeito vergoñento, todo a costa de incrementar a explotación laboral, o acoso sobre o persoal e de empeorar as nosas condicións laborais. Nun modelo bancario especulativo que agora estoupou polos aires.

Agora non aceptaremos que as consecuencias da crise carguen sobre o persoal. Non admitiremos en ningún caso medidas traumáticas, destrución de empregos, nin recortes nas condicións laborais.

Ningún comentario: