Estase a cargar, agarde un momento por favor!

22 de maio de 2008

O conflito BBVA chega ao Parlamento galego

A nosa resposta ao Plan de Reconversión do BBVA non se limita ás mobilizacións que temos en marcha; estamos dando pasos a todos os niveis co fin de frear este proceso. Neste senso, son varias as frontes abertas das que vos iremos informando ao seu debido tempo.

Parlamento Galego: En primeiro lugar comentar que, a petición da CIG, o deputado do BNG pola Coruña Francisco Blanco, presentou unha pregunta parlamentar dirixida á Consellería de Traballo relativa ás actuacións previstas pola Autoridade laboral galega ante un Plan polo que pretenden reducirse 400 postos de traballo no país.

Entendemos que a Consellería de Traballo debe actuar ante este proceso. Moito máis cando os postos de traballo fixos que serán amortizados en Galiza, serán cubertos nunha parte a través de OP Plus, empresa de Málaga que está subvencionada pola Junta de Andalucía.

Resulta escandaloso que unha Administración Pública colabore para que unha empresa con 6.000 millóns de euros de beneficios cambie persoal fixo por traballo temporal en precario.

Inspección de Traballo: Como xa anunciamos anteriormente temos presentado unha denuncia na Inspección de Traballo en Galiza para que actúe neste caso, dados os incumprimentos por parte da empresa.

Inspección de Traballo convocou unha reunión para o 23 de maio coa empresa e os sindicatos con representación no Comité de Empresa da Coruña do BBVA.

Reunión coa empresa en Madrid: A vindeira semana teremos tamén unha reunión da Sección Sindical da CIG no BBVA con RR.HH. en Madrid para tratar de procurar unha saída negociada a este conflito. Para a CIG queda claro que calquera negociación pasa pola defensa dos postos de traballo e das condicións laborais do persoal do BBVA.

En definitiva, seguimos dando pasos fronte ás intencións do BBVA de levar adiante un proceso de reconversión coa exteriorización e a deslocalización dos nosos postos de traballo e a destrución de 400 postos de traballo por medio de prexubilacións e baixas incentivadas.

Ningún comentario: