Estase a cargar, agarde un momento por favor!

28 de abril de 2008

Non á reconversión do BBVA


Casi 200 de delegados e delegadas da CIG concentrouse o 23 de abril na Oficina Principal do BBVA na capital de Galiza para protestar pola posta en marcha dun proceso de reconversión que pode levarse por diante 400 postos de traballo no país.

Ao berro de “Váiase señor González”, en referencia a Francisco González, presidente do banco, a CIG comezou as mobilizacións contra o inicio dun proceso de reconversión no BBVA.


Recentemente este banco, que tivo uns beneficios de 6.126 millóns de euros no ano 2007, presentou o denominado “Plan Estratégico de Innovación e Transformación” co que pretende reducir custes amortizando 8.000 postos de traballo no Estado, 400 deles en Galiza (que representan un 31% dos empregos actuais), apostando pola subcontratación e a deslocalización de servizos.


Nunha primeira fase, a empresa iniciou o desmantelamento dos Servizos Centrais; gran parte do traballo que anteriormente se desenvolvía nos departamentos centrais, incluídos os de Galiza, está hoxe exteriorizado nunha empresa denominada OP Plus situada en Málaga que aplica o Convenio de Oficinas e Despachos daquela provincia. Outros servizos están sendo atendidos dende Perú, a onde o BBVA deslocalizou estes traballos na procura de man de obra aínda máis barata.


O próximo paso dentro deste Plan afecta á rede comercial, e comezou coa desaparición da figura de Director/a e de Interventor/a. Agora o banco experimenta a posible substitución do persoal administrativo a través de subcontratas de empresas de servizos creadas polas grandes compañías de seguridade.


Os 400 postos de traballo que desaparecerán en Galiza serán amortizados pola vía dun reducido paquete de prexubilacións e por baixas “voluntarias” incentivadas, é dicir con despedimentos encubertos.


Para dar resposta fronte a esta agresión aos traballadores e as traballadoras, a CIG iniciou coa concentración do día 23 en Compostela, un proceso de mobilizacións que continuará ata que a empresa retire o Plan e garanta os postos de traballo e as condicións laborais.


Así mesmo, a CIG denuncia que a gran banca, máxima responsable da crise económica mundial actual, pretende afondar nun modelo económico especulativo fracasado, aplicando as mesmas receitas que teñen levado ao sistema financeiro mundial ao borde da bancarrota.

Ningún comentario: