Estase a cargar, agarde un momento por favor!

18 de marzo de 2008

Intervención da CIG na asemblea de accionistas do BBVA

Intervención da sección sindical da CIG BBVA, a compañeira Teresa Richard na pasada xunta xeral de accionistas 2008Intervención da nosa compañeira

Como en anos pasados, grazas a agrupación de accións dos traballadores e traballadoras, asistimos á do BBVA para facer oír a nosa voz. Fixemos unha intervención que axuntamos a continuación, pero tamén tivemos a oportunidade de escoitar a representantes doutros grupos, non só sindicais, que lle reclaman ao grupo BBVA entre outros asuntos, o financiamento de proxectos relacionados coa venda de armas ou, por exemplo, coa construción dun gaseoducto na Amazonia peruana que está a danar o medio ambiente.


Queremos aproveitar a ocasión para axuntarvos os enderezos das páxinas nas que vos podedes informar destes asuntos:


Intervención da CIG na Xunta Xeral de Accionistas do BBVA 2008


Señoras e señores accionistas, membros do Consello, presidente e demais asistentes a esta Xunta:
O meu nome é Teresa Richard, son empregada e accionista do BBVA e portavoz da Sección Sindical da Confederación Intersindical Galega (CIG), sindicato de representación maioritaria no BBVA en Galiza.

Aproveito o comezo da intervención para denunciar en primeiro termo a situación do idioma galego dentro da empresa que segue sendo de discriminación fronte a outros idiomas do Estado español.

Un ano máis, acudimos a esta Xunta para reivindicar a extraordinaria achega que o cadro de persoal do BBVA realizou para que os beneficios da empresa sigan aumentando, e o escaso recoñecemento que o Banco lle mostra.

  • Homologados por fin os Beneficios Sociais, todos os colectivos saímos perdendo.
  • A prolongación da xornada laboral sen compensación, a insuficiencia na cobertura de baixas e vacacións, a presión desmedida, a diversificación do negocio, a subxectividade no sistema de avaliación, o teito de cristal para as mulleres, a imposibilidade de conciliar a vida familiar e laboral entre outros factores, seguen a facer dano entre o persoal, e son realidades opostas aos principios que pregoa o grupo no seu Código de Conduta ou no seu Informe de Responsabilidade Corporativa.
  • Os novos plans tamén nos afectan: están exteriorizando Departamentos enteiros levándoos a Málaga, (Estranxeiro, Recuperacións, Centro Hipotecario…), onde o traballo o realiza OP PLUS, unha empresa participada aonbsp;100% polo BBVA, da que a Entidade é o único cliente.

  • As persoas que traballan alí son contratadas polo convenio de oficinas e despachos, obviando que o seu labor era, é e será un traballo de Banca.
  • Algúns clientes descoñecen que as tarefas que se viñan realizando na súa cidade, provincia ou CC.AA, cambian de localización a costa de amortizar postos de traballo en moitos puntos do Estado español, e son contrarios a iso.
  • Todos estes proxectos véñense levando a cabo mediante unha política de feitos consumados, na que se mantén o máis desinformado posible ao cadro de persoal, así como aos seus representantes, en especial a aqueles grupos menos compracentes.
  • Como accionistas e como traballadores e traballadoras, preocúpanos a marcha da empresa.
  • Como traballadores e traballadoras, somos quen temos un coñecemento máis directo e próximo de como se están desenvolvendo as Políticas Corporativas das que o BBVA está tan orgulloso.
  • Pois ben, a realidade é ben distinta ao que nos queren mostrar. O certo é que a dedicación e o esforzo co que o persoal do BBVA está suplindo as múltiples dificultades nas que as políticas empresariais nos colocan a cotío, NON ESTÁ SENDO SUFICIENTEMENTE RECOÑECIDO NIN RECOMPENSADO.
  • A percepción do colectivo ao que representamos é que NON LLE IMPORTAMOS Á EMPRESA máis alá que como mero medio de produción.
  • Existe unha decepción xeneralizada entre o persoal por non ter recibido gratificación algunha con motivo do 150 aniversario do BBVA.
  • Esperamos que a nosa intervención sirva como reflexión para reconsiderar a implantación e execución de novas iniciativas, e sexa tomada en conta tanto polos accionistas á hora de mostrar os seus apoios, como polo Consello de Administración na súa futura xestión.
  • Aproveitamos para pedir un ano máis nesta Xunta, que se considere a conveniencia de aprobar unha paga extraordinaria de beneficios a todo o persoal do grupo, como recoñecemento ao excelente labor realizado.

Como sempre, ofrecemos a nosa máis sincera disposición a colaborar dentro dunha relación de comunicación, información e transparencia que, desafortunadamente, hoxe non existe, para conseguir un entorno de traballo realmente exemplar no que seguir alcanzando novas metas, non só de crecentes beneficios, senón tamén de xestión responsable.

Moitas grazas pola súa atención.

1 comentario:

Santiago Quiroga dixo...

Parabéns. Esta intervención reflicte as lacras dun sistema que avoga por un incremento dos beneficios económicos a costa da aniquilación dos dereitos fundamentais dos traballadores/as.

É intolerábel a actitude dos sindicatos maioritarios: CC.OO. e UGT, que trocan dereitos sociais, conseguidos tras moitos anos de loita sindical, por intereses económicos particulares que só benefician ás cúpulas sindicais citadas anteriormente e á patronal.

PD: Moitas grazas polas ligazóns facilitadas.

Coa CIG, a loita continúa. Agardo que sigades a defender os nosos dereitos, como ata agora, sen contrapartidas.

Saúdos Santi.