18 de abril de 2024

Con 26.335 millóns de beneficios queren seguir recortando salarios

Na próxima xuntanza da Mesa de negociación do XXV Convenio de Banca, a CIG achegará unha proposta salarial, modificando as nosas pretensións iniciais, que permita recuperar nos próximos 3 anos boa parte do poder adquisitivo perdido e, ao mesmo tempo, garanta non seguir perdendo durante a vixencia do novo convenio. Queremos negociar, pero sen renunciar ao que é de xustiza.

O escenario de beneficios do sector nos últimos 2 anos e as previsións dos analistas e dos propios bancos —que falan de beneficios aínda maiores para os vindeiros anos— fan irrenunciables eses mínimos na negociación.

A nosa proposta resúmese en:

  • Vixencia do convenio: Tres anos, 2024, 2025 e 2026.
  • Recuperación poder adquisitivo perdido: Unha paga lineal equivalente o 15 % do salario medio de convenio, nin compensable nin absorbible, que contribúa a aliviar as diferenzas retributivas entre homes e mulleres. A percibir de forma progresiva nos próximos 3 anos, a razón de ⅓ cada ano con importes que se irán consolidando en táboas.
  • Suba salarial anual: Hai que establecer unha suba anual mínima, durante a vixencia do convenio, que permita non seguir perdendo. Propoñemos unha suba salarial sobre táboas do 5 % para cada un deses anos.
  • Cláusula de garantía salarial: Recoller explicitamente no convenio que, se o IPC durante cada un deses tres anos supera a suba anual pactada, automaticamente cada ano esa diferencia será repercutida en táboas, con carácter retroactivo, con efectos 1 de xaneiro.
    Non podemos admitir unha cláusula de garantía salarial topada e aplicable ao final da vixencia do convenio. Porque iso significa recortar salarios.
  • Cláusula de compensación e absorción: Partindo de que os complementos salariais sobre os que se aplica esta cláusula obedecen a pactos individuais (e a súa concesión é totalmente arbitraria e opaca por parte das empresas), desde a a CIG solicitamos á patronal información sectorial sobre eses complementos, para coñecer o detalle dos colectivos que perciben eses importes por encima do salario de convenio.

Descoñecemos o alcance que tería a súa inaplicación/aplicación parcial, en aspectos fundamentais como, por exemplo, a igualdade salarial. Non podemos esquecer que traballamos nun sector cunha das fendas salariais de xénero máis elevadas, como consecuencia da masculinización dos postos de maior responsabilidade e con máis alta remuneración.

Defendemos a negociación colectiva como a forma de mellorar as nosas condicións salariais e laborais. Os pactos individuais que recollen salarios por riba das táboas, non poden condicionar a negociación deste convenio. A non aplicación da cláusula de compensación e absorción, ou a súa aplicación parcial, non pode ser moeda de cambio para recortar salarios.

Loitamos por un convenio xusto, para recuperar e manter o poder adquisitivo, para acabar coa presión e acoso comercial e para reducir a carga de traballo.

11 de abril de 2024

A loita por un CONVENIO XUSTO continúa!!

A Loita debe continuar!

Desde o principio da negociación deste convenio, sabiamos que a patronal AEB se resistiría a mudar as dinámicas que nos trouxeron ata aquí, con convenios que na última décadacontribuíron a empeorar as condicións salariais e laborais do conxunto do persoal, adaptados ás súas necesidades, froito da imposición que non da negociación.

O conxunto das traballadoras e traballadores dos bancos fomos quen de amosar que a nosa disposición á loita para mellorar as nosas condicións de traballo é inequívoca. O éxito das dos días 26 e 29 de febreiro e da folga do 22 de marzo, dan testemuño desa determinación.

Obedecendo a unha estratexia da patronal de diluír o conflito no tempo, tratando de desinchar os ánimos, a próxima xuntanza de convenio está prevista para o xoves 25 de abril. Desde a CIG entendemos que non podemos nin debemos paralizarnos ante esta artimaña, senón que temos que lanzar unha mensaxe alta e clara aos bancos, recordando que o conflito segue vivo e que non mudou nada nas nosas reivindicacións e disposición a loitar para conseguilas.

25 de marzo de 2024

22 de marzo: seguimento masivo da FOLGA nos Bancos AEB en Galiza

A mobilización no día da folga, o 22 de marzo en Galiza

Unha vez máis as traballadoras e traballadores dos bancos en demos unha lección de dignidade secundando masivamente a xornada de folga en defensa dun convenio xusto, sendo un dos territorios do Estado (xunto con Euskadi e Levante), nos que a foi secundada por máis dun 80 % do persoal.

AEB di agora que a súa vontade é negociar e chegar a un acordo, pero os feitos non se corresponden co manifestado. Establecer unha nova xuntanza da mesa para dentro dun mes (23 de abril) non amosa preocupación por resolver o conflito. Máis ben parece unha estratexia de desgaste para que o paso do tempo inflúa no persoal e este dea por perdida a batalla.

21 de marzo de 2024

A patronal INCUMPRE a súa palabra

Hoxe a patronal AEB presentouse na mesa de convenio cunha nova proposta de mínimos. Falando dunha suba salarial en catro anos do 10 %. E cunha cláusula de garantía salarial referenciada o IPC para aplicar ao final da vixencia do convenio, e topada no 2 %. Sen valorar outras materias de convenio.

Dende a CIG manifestamos na mesa que seguimos mantendo a nosa prioridade de recuperación do poder adquisitivo perdido e mantemento a futuro.

Ante este pulso da patronal, ás portas dunha xornada de folga, ás traballadoras e traballadores de sector non nos queda outra que responder a este envite. Dixémolo desde un principio, a CIG estaremos en todas as mobilizacións que se convoquen para defender os dereitos das traballadoras e traballadores do sector, tamén na do 22 de marzo.

19 de marzo de 2024

Ou negocian ou convocaremos novas xornadas de Folga

Na reunión do martes 19, a patronal non concretou ningunha proposta. Pero comprometeuse a presentar unha oferta o próximo xoves que inclúa elevar a proposta salarial, buscar unha fórmula de preservar nalgunha medida as repercusións do IPC, e estudar unha variación na aplicación da cláusula de compensación para algún colectivo; en definitiva, un esquema similar ao acordado en CECA a semana pasada.

Desde a CIG insistimos en que a nosa premisa é que este convenio debe marcar un punto de inflexión a favor dos cadros de persoal, recoñecendo os sacrificios das traballadoras e traballadores do sector na última década. Para iso ten que mellorar substancialmente o aspecto salarial e as condicións de traballo.

O persoal mobilizámonos para recuperar salarios, pero tamén para denunciar o acoso, a presión comercial e a carga de traballo que soportamos no noso día a día. Esa é a realidade do sector.

Desde a CIG pulamos porque as subas salariais se negocien en convenio; non recoñecemos as supostas melloras discrecionais unilaterais dos bancos.